A sexta edición do certame de poesía Díaz Castro do Concello de Guitiriz xa ten gañador: Manuel López Rodríguez, natural de Noia, coa súa obra ‘Breve peza dramática para figurantes Z’.

O xurado, formado por Armando Requeixo, Ánxela Gracián e Miguel Anxo Fernán Vello, reuniuse hoxe pola tarde, vía telemática, para valorar as 18 obras que se presentaron a esta edición do certame de poesía. 

Finalmente foi Manuel López Rodríguez o gañador. O xurado destaca da súa obra 'Breve peza dramática para figurantes Z' “a calidade das súas imaxes, a forza da súa voz poética, a complexidade do mundo recreado e, sobre todo, a súa orquestración paradramática, na que alterna a voz principal con outras corais, compoñendo un irisado vitral que espella unha realidade en continua metamorfose, chea de luces e sombras e onde o eu lírico se afana en atopar o vieiro propio polo que camiñar”.

O premio, dotado de 2.000 euros e a publicación da obra por Edicións Espiral Maior, entregarase, ao igual que o ano pasado, o próximo domingo 3 de xullo ás 11 horas no acto de clausura do II Festival de Poesía Guitirica.

Manuel López Rodríguez xa conta cunha ampla traxectoria no mundo da poesía. É cofundador do ‘Colectivo literario sacou’, da A.C. Éteatro e da Asociación Audiovisual Paradiso. Ademais, previamente gañou outros certames como o Premio Suso Vaamonde de Poesía, o Eduardo Pondal, o do Concello de Carral e o López Ardeiro, entre outros. Ten publicado libros individuais como ‘Antítese nativa’, ‘Rompe’, ‘Desde onde non nace’, ‘Vangarda ule’, e ‘Nas pulsacións’. Asimesmo, outros poemas e poemarios seus foron publicados en revistas e volumes colectivos.