O acto de entrega de premios dos certames ‘Díaz Castro’ e ‘Vilariñas’ puxo o peche ao primeiro Festival de Poesía Guitirica, que se celebrou no Concello de Guitiriz do 12 ao 13 de xuño e que serviu para retomar o pulso da axenda cultural no municipio.

Pablo Bouza, nacido en Fene e residente en Culleredo, recolleu da man da alcaldesa do Concello de Guitiriz, Marisol Morandeira, o premio como gañador da quinta edición do certame Díaz Castro de Poesía grazas á súa obra ‘Coma o ruído que fan as portas das igrexas ao pecharse’.

Luz Airado, representante de Nova Poesía Guitirica, entregou os galardóns do certame ‘Vilariñas’, no que o primeiro posto foi para Mar Pazos, o segundo para Jeferson Costa Leite de Alegrete e o terceiro para Quique Roxíos.

Ponse así fin a dous días nos que o Campo da Feira de Guitiriz e as rúas do municipio enchéronse de música, presentacións literarias e recitais poéticos. Ademais, tamén se levou a cabo o roteiro de Díaz Castro, guiado por Raul Río.