O Concello de Guitiriz presentará no pleno ordinario deste xoves, 27 de maio, unha proposta de suplemento de crédito valorada en 198.417 euros e que inclúe diferentes proxectos de mellora de infraestruturas, camiños e saneamento.

Este paquete de investimentos, que se executaría valéndose do remanente de tesourería, inclúe a mellora da contorna da piscina municipal ‘Sete Muíños’, un proxecto que conta cun orzamento de 30.000 euros e que permitirá ampliar a zona verde e crear unha piscina máis pequena e de menor profundidade para uso dos máis pequenos.

O maior importe deste suplemento, 100.000 euros, destinarase á reparación de estradas e camiños. O obxectivo é complementar aquelas actuacións de pavimentado que se están a acometer a través do Plan Único da Deputación de Lugo e cubrir o máximo posible as necesidades que ten a rede de vías municipal.

Por outra banda, consígnanse 40.000 euros para a reparación e mellora de elementos funcionais da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Guitiriz e 30.000 euros para financiar o proxecto de mellora da rede de saneamento entre as rúas Lagoa e Xermolos, que conta cunha subvención do Plan Hurbe da Xunta de Galicia e que permitirá resolver os problemas de acumulación de areas que provocan estragos nos equipos de bombeo e que tamén están a ocasionar a perdida do material de recheo do firme.