O vindeiro luns día 2 de agosto, as 18:00 horas, presentación da exposición “O camiño das estrelas: tecendo culturas”. Ao acto asistirán Marisol Morandeira, Alcadesa do Concello de Guitiriz e Mª Pilar Vázquez, Concelleira de Turismo.

"Seguindo a súa paixón por transmitir a beleza e toda a riqueza cultural e espiritual que rodea o Camiño a Santiago de Compostela, e dado que o ano 2021 é Ano Santo Xacobeo, María José Rodríguez presenta un novo proxecto chamado O Camiño das Estrelas: Tecendo culturas, unha proposta artística coa que pretende seguir dándolle protagonismo ao Camiño.

Nesta ocasión a intención vai máis alá de ser unha “simple” exposición para visualizar a beleza do Camiño, das súas xentes, gastronomía... Trátase de ver toda a grandeza do Camiño dun xeito transversal e multidisciplinar que mova ao camiñante a interactuar con todos os sentidos na procura dese saber universal que nos achega a todas as xentes, veñamos de onde veñamos, e procedamos de onde procedamos.

Ese saber que desde nenos imos adquirindo nos nosos fogares e que vai xerminando con nós segundo imos medrando e que nos achega ás nosas raíces por calquera recuncho que visitemos. Ese saber que nos leva a coñecer en profundidade a nosa realidade e a realidade dos demais pobos que percorramos no noso camiñar.

Ese camiño pedagóxico, do saber global e multidisciplinar, é o que a través deste proxecto artístico se quere amosar a todos os camiñantes e ao mundo enteiro desde esta fermosa terra que é Galicia.

Poderase visitar do 3 ao 20 de agosto, en horario de mañá: de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 horas, e de tarde os martes e xoves de 16:00 a 18:00 horas