A ampliación do centro de día de Guitiriz será unha realidade grazas á achega de 50.000 euros por parte de Deputación de Lugo.  

Estas melloras permitirán adaptar as instalacións para alcanzar a vintena de prazas e reducir así a lista de espera deste servizo. A alcaldesa, Marisol Morandeira, asinou este venres no Pazo de San Marcos co Presidente da Deputación, José Tomé Roca, o convenio que establece esta colaboración económica para poder acometer os traballos.

O centro de día de Guitiriz conta na actualidade con 12 prazas asistenciais para persoas maiores e as obras de ampliación permitirán engadir outros 55 metros cadrados e dar resposta asistencial a un total de 20 usuarios e usuarias. O investimento total para esta actuación e de 71.825€, dos que a Deputación achega o 70%, mentres que o Concello asume o 30% restante.

“Asinamos este convenio dentro do noso compromiso de seguir acercando e mellorando os servizos públicos ó rural, e dentro das liñas de acción prioritarias deste Goberno, como son a cooperación cos 67 concellos da provincia e os servizos sociais”, subliñou o Presidente, quen asegurou que a Deputación axuda a mellorar deste xeito unha dotación social que, ademais da súa labor asistencial, favorece a conciliación das familias, promove o arraigo da veciñanza e reforza os lazos da comunidade.

Marisol Morandeira quixo agradecer á Deputación “esta colaboración, que será esencial para dar un mellor servizo aos veciños e veciñas ao Centro de Día” e destacou que “aínda que as prazas que se aumentan non solucionan a demanda actual que hai en Guitiriz si que é unha ampliación que supón un paso moi importante, que grazas á axuda provincial supón un custo asumible para o Concello”.