O Concello de Guitiriz aprobou no pleno ordinario de hoxe, xoves 27 de maio, unha proposta de suplemento de crédito valorada en 198.417 euros e que inclúe diferentes proxectos de mellora de infraestruturas, camiños e saneamento.

Este paquete de investimentos, que se executaría valéndose do remanente de tesourería, inclúe a mellora da contorna da piscina municipal ‘Sete Muíños’, un proxecto que conta cun orzamento de 30.000 euros e que permitirá ampliar a zona verde e crear unha piscina máis pequena e de menor profundidade para uso dos máis pequenos.

O maior importe deste suplemento, 100.000 euros, destinarase á reparación de estradas e camiños. O obxectivo é complementar aquelas actuacións de pavimentado que se están a acometer a través do Plan Único da Deputación de Lugo e cubrir o máximo posible as necesidades que ten a rede de vías municipal.

Por outra banda, consígnanse 40.000 euros para a reparación e mellora de elementos funcionais da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Guitiriz e 30.000 euros para financiar o proxecto de mellora da rede de saneamento entre as rúas Lagoa e Xermolos, que conta cunha subvención do Plan Hurbe da Xunta de Galicia e que permitirá resolver os problemas de acumulación de areas que provocan estragos nos equipos de bombeo e que tamén están a ocasionar a perdida do material de recheo do firme.

OUTROS ASUNTOS

Ademais, no pleno ordinario aprobouse por unanimidade a Ordenanza Fiscal Reguladora da taxa pola tramitación de expedientes e expedición de documentos administrativos. Non se aprobou a moción do BNG para o rexeitamento da nova proposta presentada por ADIF, por 7 votos en contra do PSOE, 4 abstencións do PP e 1 voto a favor do BNG.

A moción do BNG sobre o proxecto eólico “Pena Ombra”, á que se incorporou unha emenda do PSOE, foi aprobada por 8 votos a favor (7 do PSOE e 1 do BNG) e 4 abstencións do PP. A modificación introducida afectou ao punto 5 da mesma e expoñía que “o Concello de Guitiriz se comprometa cos medios dos que dispón para desenvolver as actuacións precisas para o control dos proxectos, defendendo os intereses ambientais, económicos e sociais do Concello, e desenvolver na medidas das súas posibilidades as actuacións necesarias para favorecer a transparencia, información e a capacidade de negociacións das persoas propietarias e comunidades de montes”.

Tamén se aprobou por unanimidade a moción do PSOE sobre os centros de saúde do Concello de Guitiriz.