O Concello de Guitiriz propón ao Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana a transferencia da travesía urbana da N-VI ao seu paso por Guitiriz para mellorar e axilizar as diferentes xestións aos veciños.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, reuniuse hoxe na subdelegación do Goberno en Lugo co xefe da Demarcación de Carreteras, Ángel González del Río, para facerlle esta petición que permitiría que todos os particulares tivesen o mesmo tratamento independentemente de en que rúa se atopasen.

O obxectivo da transferencia é concentrar todos os trámites no Concello xa que na actualidade calquera obra, grande ou pequena, a facer nos edificios require da autorización municipal e estatal, co conseguinte retraso que isto significa.

Por outra banda, tamén beneficiará aos negocios de hostalería xa que poderían enmarcarse dentro da ordenanza de terrazas que ten previsto aprobar o goberno local e non terían que adaptarse á estrita normativa estatal.

Ángel González del Río amosouse receptivo a esta proposta, que non suporía unha compensación económica para o Concello xa que só tería que facerse cargo do mantemento do tramo e solicitará que, antes da transferencia, o Ministerio faga unha posta a punto da vía.

“Aínda que o mantemento terá un custo cremos que é algo asumible xa que ter a titularidade deste tramo da vía compensará ao mellorar o servizo e axilizar os trámites á veciñanza, que agora mesmo se atopa con moitos problemas para conseguir calquera permiso”, indicou Marisol Morandeira.

Outros asuntos

No encontro, no que tamén estiveron presentes a responsable da Unidad de Carreteras en Lugo, Beatriz González del Riego; e a subdelegada, Isabel Rodríguez López; tratáronse outros temas como a busca dunha solución ao problema de acceso a diferentes vivendas ao longo da N-VI, nas que en moitos casos os propietarios non poden facer o xiro pola sinalización da estrada e obrígaos a dar un rodeo.

Ademais, comprometéronse a estudar a proposta de Marisol Morandeira para que se creen sendas peonís que comuniquen ao casco urbano con distintos núcleos de poboación dos arredores, como poden ser Ansede ou Pardiñas.

A rexedora incidiu na necesidade urxente de que a empresa concesionaria da conservación da N-VI execute o mantemento da estrada ao seu paso polo municipio, que se atopa en xeral en mal estado.