O Concello de Guitiriz clausurará a cuarta edición dos Xogos da Primavera o vindeiro mércores, 18 de xuño, coa celebración da III Copa Xogo da Ra. O torneo está programado de 17:00 a 19:00 horas no exterior da Escola Habanera.

Esta actividade lúdica e interxeracional ten por obxectivo revalorizar os xogos de onte e promover a relación e a socialización entre maiores e nenos, que competirán no tradicional xogo da ra para ver quen se leva a Copa neste 2025. O gañador ou gañadora recibirá un agasallo.

A iniciativa está dirixida a todas as persoas interesadas, pero unicamente poderán competir un máximo de 12 participantes, polo que será preciso realizar unha inscrición previa na propia Biblioteca Pública Municipal.

Con esta actividade clausurarase a cuarta edición dos Xogos da Primavera, que un ano máis contaron con decenas de participantes cada semana. Esta iniciativa celebrouse durante todos os mércores da primavera, dando comezo o pasado 26 de marzo.