O Balneario de Guitiriz será este venres, 3 de outubro, o escenario do primeiro concerto de Panosedán como sexteto, nunha cita musical organizada polo Concello de Guitiriz coa axuda da Deputación de Lugo.

Ata o de agora, Panosedán actuaba en formato trío, integrado polas voces de Pilocha e Lis Latas acompañadas do acordeón de Pablo Gómez. Agora, o grupo dá un paso máis incorporando a Ara Martínez ao contrabaixo, a Carlos Vázquez “Maní” na percusión e a Xan Durán na mandolina e mandolina portuguesa, dando lugar a unha formación de seis músicos que presentarán en Guitiriz esta nova composición.

O concerto, con entrada de balde, comezará ás 20:30 horas e servirá para dar a coñecer en directo o traballo discográfico ‘Rosas e cravos’, unha proposta que combina tradición, emoción e novas sonoridades.