O Concello de Guitiriz conta cun servizo de información municipal vía Whatsapp. Así, a veciñanza disporá dunha nova canle de comunicación que lles permitirá estar informados de todo o que ocorre na súa vila a través do seu móbil e de xeito instantáneo.
Os interesados ou interesadas en recibir nos seus smarthpone todo o que sucede en Guitiriz ao momento deben gardar o número 604 078 530 na súa axenda de contactos e enviar un Whatsapp coa palabra ALTA. A partir dese momento, comezarán a recibir as novas.
A través deste servizo o Concello comunicará tanto información de servizo, como diferentes novas da xestión municipal e tamén datas de eventos deportivos, culturais, etc. Será unha canle informativa unidireccional, non servirá para responder cuestións nin atender as peticións dos usuarios, unicamente para recibir información municipal.
A alcaldesa, Marisol Morandeira, explicou que “desde que chegamos ao goberno local propuxémonos como obxectivo que os veciños e veciñas de Guitiriz estivesen informados de todo o que facemos e das posibilidades que teñen no seu Concello, e esta nova canle de comunicación facilita as cousas neste sentido”.