O Concello de Guitiriz levou onte a unha sesión plenaria extraordinaria a aprobación provisional da documentación modificativa do Plan Xeral requirida en 2017 pola Xunta de Galicia para proceder á aprobación definitiva do PXOM, que foi aprobada cos votos a favor do PSOE, a abstención do BNG e, por parte do PP, houbo 4 abstencións e 1 voto en contra.
Desde que o 17 de abril de 2017 se recibise no Concello a Orde da Dirección Xeral de Ordenación Territorial e Urbanismo (DXOTU) coas incidencias a resolver no Plan Xeral de Guitiriz, o equipo redactor mantivo varias reunións coa Subdirección Xeral de Urbanismo, afinando os seus contidos e incorporando documentos considerados esenciais para a aprobación definitiva do plan. Entre estes destaca a contestación da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, tramitación que se demorou case dous anos por causas alleas ao equipo redactor e que supuxo dilatar a entrega da documentación definitiva ata este momento.
Así, o goberno local levou onte a pleno un documento que contén as diferentes adecuacións que solicitou a Xunta de Galicia no seu momento. Trala súa aprobación en pleno o PXOM actualizado será remitido novamente á Xunta para que, no prazo de tres meses a administración autonómica emite unha contestación e poder proceder á aprobación definitiva do Plan.
No documento elaborado polo equipo redactor solvéntase os requirimentos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Ministerio de Fomento, ADIF, Dirección Xeral da Conservación da Natureza, etc.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, explicou que “agora o PXOM está totalmente adaptado aos criterios que esixe a Xunta de Galicia” polo que agarda que “se axilicen os trámites de aprobación definitiva para que poida entrar en vigor o antes posible” e así “actualizar dunha vez por todas, as xa desfasadas normas subsidiarias polas que se rexe o planeamento urbanístico de Guitiriz agora mesmo”.
0 Comments
Leave A Comment