A Escola de Música do Concello de Guitiriz quere que os seus músicos continúen a formarse durante o confinamento e por iso, desde hoxe, continuará a súa actividade lectiva dun xeito totalmente telemático.

As clases colectivas, como pode ser a de linguaxe musical, levaranse a cabo a través dunha aula virtual a través da que se mandarán vídeos explicando materia nova e tamén se subirán os exercicios correspondentes a cada temario. Posteriormente, o alumnado enviará de volta os exercicios feitos para a súa corrección.

Por outra banda, tamén se realizan clases individuais. Fanse a través de vídeo chamadas e compleméntanse con vídeos e audios dos exercicios prácticos que se asignan e que os alumnos e alumnas envían a través de whatsapp.

O obxectivo desta iniciativa segundo explica o director da Escola de Música de Guitiriz, Abel Riveira Pena, é “ir marcando a materia semanal para que a xente poida seguir traballando ao mesmo tempo que vamos corrixindo, así cando todo isto remate poderemos facer que a xente siga desfrutando coa nosa música”.