Hoxe reuníronse na Casa Habanera do Concello de Guitiriz os membros da Mesa de Calidade do SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística en Destino), co obxectivo de aprobar as avaliacións das distintas empresas participantes para obter o distintivo de calidade.
Así, a Mesa aprobou por unanimidade a distinción de tres establecementos que se adheriron este ano a este programa: Parga Rural Alojamiento, Casa Don Lino e Taberna Modia; sendo os dous primeiros aloxamentos empresas de nova creación.
A Mesa de Calidade está composta por un representante de cada sector: bares, comercios, restaurante, taxi e a oficina de turismo; así como cargos políticos como a alcaldesa, Marisol Morandeira; a concelleira de Turismo, Pilar Vázquez; a deputada provincial de Turismo, Pilar García Porto; e o xefe de área de Xestión de Calidade de Turgalicia, Enrique Pérez Etchevarría.
Os membros da Mesa aprobaron tamén por unanimidade o paso ao Ciclo 2, coa súa correspondente distinción, dos seguintes establecementos: Taxi Ángel Neira, Protección Civil e Café Bar Recreo; e a ciclo 3 Camping El Mesón e Parrillada El Merendero. Por outra banda, os establecementos que están en Ciclo de Seguimento e Renovación son: a Oficina de Turismo, Panadería David, Panadería La Esquina, Restaurante La Casilla, Bar O Korreo, Bar Cit e Bar Xoldra.
Este ano o SICTED enmárcase nun proxecto máis ambicioso: “Excelencia no Camiño”, financiado pola Xunta de Galicia a través de “O Teu Xacobeo”. Este proxecto está encamiñado á consecución da excelencia na calidade no Camiño do Norte ao seu paso por Guitiriz. Para iso, está a levarse a cabo un arduo traballo en colaboración coas empresas do Concello que se atopan no círculo de consumo do peregrino e do turista.
Así mesmo, dentro do Grupo de Mellora formado polas diferentes empresas participantes no SICTED, estase a traballar no desenvolvemento de accións relativas á mellora dos servizos ofertados aos peregrinos; tendo recibido formación no eido de tendencias como os Camiños de Santiago menos concorridos, o turismo de natureza e a ecoloxía, os produtos locais e a comercialización directa.
Tratáronse tamén as melloras realizadas entre os establecementos participantes, fundamentalmente relacionadas coa implementación de novos servizos para os peregrinos.
A alcaldesa, Marisol Morandeira, aposta por “continuar traballando en prol da calidade de forma conxunta entre o sector privado e o público para conseguir diferenciarse de destinos similares grazas á ‘Calidade’ como elemento diferenciador, xa que somos o único Concello da provincia de Lugo que ten este distintivo”.
A empresa de consultoría Avivae Solucións Estratéxicas S.L. é a adxudicataria da execución dos traballos de asesorías individuais, formación e elaboración de fichas dos establecementos en relación ao Camiño de Santiago.
0 Comments
Leave A Comment