O Concello de Guitiriz acaba de abrir o prazo para enviar as solicitudes para participar no seu programa de conciliación familiar para as vacacións de verán, que ten o obxectivo de axudar a conxugar a vida laboral e familiar facendo especial fincapé naquelas familias que estean nunha situación de maior vulnerabilidade.

Esta actividade, que terá como punto de encontro o CEIP Lagostelle principalmente, desenvolverase en catro quendas: a primeira do 1 ao 15 de xullo, a segunda do 16 ao 31 de xullo, a terceira do 1 ao 15 de agosto e a cuarta do 16 ao 31 de agosto. Establecéronse dous horarios diferentes, o ordinario será de 10 a 14 horas e está dirixido só a nenos e nenas nados entre o 2013 e o 2018,e un extraordinario, que será a partir das 8:30 horas para todas aquelas familias que precisen unha xornada máis ampla.

O prazo para anotarse remata o 21 de xuño e poderá formalizarse a inscrición de xeito telemático, a través da sede electrónica, ou presencial na casa do concello. Darase prioridade a aquelas familias nas que os proxenitores estean a traballar e tamén ás familias empadroadas en Guitiriz, ou en situación de especial vulnerabilidade.

No caso de haber máis solicitudes que prazas a lista de admitidos publicarase o 23 de xuño e informarase da data e hora dunha reunión previa coas familias. 

Para que a solicitude quede debidamente tramitada deberase aboar, xunto coa documentación, o 50% da contía a pagar na conta ES20 2080 0122 4631 1000 0022. O prezo xeral por cada quenda é de 30 euros e o incremento para acudir en horario extraordinario será de 15 euros por quenda, podendo anotarse a todas as que se precisen. Ademais, haberá bonificacións por razóns sociais ou benéficas para familias con ingresos inferiores ao 50% do IPREM ou cando se careza de ingresos.

DESCARGA O TRÍPTICO

DESCARGA A SOLICITUDE

DESCARGA O RECIBO DE AUTOLIQUIDACIÓN DAS TAXAS