A Área de Rehabilitación Integral (ARI) para as parroquias de Os Vilares e O Buriz xa é unha realidade, despois de que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinase esta semana oficialmente a aprobación definitiva.

O proxecto presentado implicou un traballo previo de documentación para identificar as vivendas e espazos públicos con máis necesidade e interese para a súa rehabilitación. Así, este proceso afectará a 10 núcleos entre Os Vilares (As Reixas, Drada, Vilariño dos Cregos e Casanova de Vilariño) e O Buriz (Bustelo, Carelo, Portelo, A Forxa, O Buriz e A Graña-Ventisca), sumando un total de 93 vivendas e 5 edificios dotacionais dos que 2 son de uso educativo e/ou social e os 3 restantes son relixiosos.

Unha vez aprobado o ARI, ten que ser dotado de fondos por parte do Ministerio de Fomento e da Xunta de Galicia para que os veciños e veciñas poidan optar a unha serie de axudas para a rehabilitación das vivendas nas que residan. Isto ocorrerá previsiblemente ao longo do ano 2021.

As obras subvencionables poderán ser: reparación de fachadas e cubertas, mellora de salubridade, mellora de illamento, mellora de accesibilidade, mellora enerxética, cambio de ventás e eliminación de radón.

Unha vez dotado de fondos o ARI o Concello de Guitiriz creará unha oficina técnica para a que se destinan 74.782,75 euros e que permanecerá durante un ano para axudar aos veciños a tramitar as súas solicitudes de rehabilitación. Está previsto que haxa persoal administrativo, delineante, un arquitecto técnico e un arquitecto superior.