A Delegación do Goberno en Galicia, presentou hoxe en Guitiriz o plan “La Administración cerca de ti”, que achegará as ferramentas da administración dixital a 240 concellos de Galicia. O Concello de Guitiriz é a primeira parada desta iniciativa, enmarcada nas políticas de reto demográfico, do Ministerio de Política Territorial en colaboración coa FEMP e que permite avanzar na eliminación da fenda dixital.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, recibiu hoxe na Casa Habanera ao delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, á subdelega do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e ao secretario xeral da Delegación do Goberno, Alberto de la Fuente.
Morandeira amosouse “encantada de que sexa a administración a que se achegue ao cidadán e non ao revés” e agradeceu “á Delegación que comezasen en Guitiriz esta iniciativa”.
Pola súa parte José Miñones sinalou que “achegamos a Administración do século XXI aos pobos, poñéndoa directamente ao servizo dos veciños e veciñas, para fortalecer a cohesión social e territorial e reforzar a igualdade de oportunidades” á vez que destacou que “en Galicia beneficiaranse desta iniciativa 640.000 persoas. Na provincia de Lugo, o Plan chegará a 59 concellos; en Ourense, a 81; 33 na provincia de Pontevedra e 67 concellos da provincia da Coruña. Todos de ata 8.000 habitantes”. Ademais, agradeceu a colaboración dos concellos “pois este programa non sería posible sen a súa implicación”, e dos funcionarios e funcionarias públicas que percorrerán os pobos nos próximos meses de maneira voluntaria. “Este Goberno traballa para dar ferramentas dixitais á poboación do rural e agora, tamén, para ensinar a aproveitalas nas súas relacións coa administracións”, subliñou o delegado.
Cada semana, funcionarios e funcionarias das Subdelegacións desprazaranse a estas localidades para ensinar ás persoas interesadas a relacionarse coa Administración de forma dixital, resolver dúbidas e tramitar, entre outros, o certificado dixital da FNMT, imprescindible para moitas xestións e que só se pode tramitar na presenza física da persoa que o solicita. Actualmente, a Administración Xeral do Estado ofrece a posibilidade de realizar de maneira dixital a maior parte das xestións e das comunicacións con seus departamentos.
Desde trámites básicos como as prestacións, o pago de impostos, permisos de condución, #abono de taxas públicas, solicitudes de axudas ao estudo ou certificados de vida laboral, ata a solicitude de subvencións, que en moitos casos só pódese xestionar telematicamente. O catálogo de servizos electrónicos da Delegación do Goberno en Galicia ofrece 125 trámites de maneira telemática, entre os que se atopan xestións relacionadas cos servizos de Estranxeiría; pago de taxas; comunicación de mobilizacións; validación de títulos universitarios estranxeiros ou a presentación de queixas ou suxerencias #ante a Administración.
0 Comments
Leave A Comment