O goberno local de Guitiriz aprobou hoxe en pleno (votos a favor do PSOE, abstención do BNG e en contra do PP) os orzamentos do Concello para o ano 2021. Un documento equilibrado en gastos e ingresos que ascende a 4.273.903,33 euros e que está adaptado á crise sanitaria actual contando cunha forte aposta polo social.

Con respecto ao 2020 prodúcese unha lixeira diminución de 122.795,68 euros debido a que, ante a situación de incerteza que se está a vivir en todos os ámbitos, optouse pola prudencia e na súa elaboración non se inclúen as habituais subvencións que recibe o Concello por parte doutras administracións (Plan de Mellora de Camiños, Fondo de Compensación Ambiental…). Ademais, tampouco se incorpora a dotación do Plan Único da Deputación de Lugo polo que, cando se fagan efectivas estas axudas, o Orzamento verase incrementado.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, explicou no pleno que “planificamos o orzamento para o ano 2021 pensando en facer fronte a todos os gastos relacionados coa situación social que estamos a vivir por mor da pandemia onde os veciños e veciñas precisan máis ca nunca do noso apoio para as necesidades básicas, para manter as actividades económicas, os empregos e moitas outras carencias que se están a producir nestes intres”.

Orzamento social

O apartado de gastos correntes ascende a 4.241.403,33 euros nos que destacan os destinados ao persoal municipal e que se xustifican en que a maior parte dos servizos ofréceos o Concello sen recorrer á  externalización (servizos sociais, recollida de lixo, mantemento de espazos públicos, de potabilizadoras e depuradoras…).

O  Concello de Guitiriz conta cun servizo de Axuda no Fogar que se mantén con medios propios e que neste momento conta con 28 prazas e para o que tamén se inclúe unha partida para sufragar os gastos de desprazamento que teñen que afrontar nos seus coches para prestar o servizo en domicilios moi distantes uns doutros.

Tamén se inclúen neste apartado 73.200 euros para a concesión de subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro, e axudas de emerxencia social a familias e particulares para as que se duplica o importe respecto ao pasado ano sendo un total de 14.000 euros. Ademais, resérvanse 20.000 euros para financiar as bolsas de formación, material escolar, axudas ao transporte e outras de ámbito educativo.

Investimentos

O anexo de investimentos ascende este ano a unicamente 20.000 euros xa que, como se explicou anteriormente, optouse por non incluír as cantidades a percibir a través doutras administracións como pode ser o Plan Único da Deputación de Lugo, o Fondo de Compensación Ambiental e outras.

Marisol Morandeira explicou que neste capítulo “pretendíase ser máis ambicioso pero a situación que estamos a vivir, e para non acudir a operacións de endebedamente, impediu que se poida aumentar polo de agora esta cantidade para levar a cabo diferentes obras”.

Entre as partidas para destacar do anexo de investimentos está a adquisición de equipos informáticos e outro material destas características para adaptarse á nova lei de teletraballo e salvar a fenda dixital, así como reposicións de mobiliario urbano e das instalacións municipais. Por outra banda, está previsto que se executen no 2021 o proxecto de modernización da planta potabilizadora co obxectivo de continuar mellorando a calidade da auga en Guitiriz e para o que xa se conta cunha subvención do IDAE por importe de 261.290,68 euros e tamén o Plan de Mellora de Camiños Municipais 2020-2021.

No apartado de dinamización social, turística, económica e de promoción continúa a aposta firme de promocionar os produtos locais e o potencial ambiental dos diferentes espazos do municipio. 

Por último, a situación de tesourería do Concello de Guitiriz é boa, conta cun remanente de 2.726.398,03 euros (incrementouse en 350.000 euros con respecto ao 2018) do que, debido á lexislación vixente, só se pode facer uso deste para investimentos financeiramente sustentables.