O Concello de Guitiriz contará co apoio da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) que será o encargado de velar pola legalidade urbanística e o control das posibles infraccións que se cometan neste eido en Guitiriz.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinaron esta mañá o convenio en virtude do cal Guitiriz se suma ao listado de concellos que delegan na APLU parte das súas competencias; xunto cos concellos de Ames e O Rosal -que tamén asinaron esta mañá o convenio de colaboración- polo que xa son 89 as administracións locais galegas que están adheridas á APLU.
Vázquez Mejuto explicou que, en virtude destes convenios, os concellos ceden as competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística relativas a obras que se executen sen licenza nas seguintes clases de solo: en solo rústico ou non urbanizable, en solo urbanizable ou apto mentres non sexa aprobado o correspondente planeamento de desenvolvemento, e en núcleos rurais delimitados no PXOM. Pola súa parte, a APLU comprométese a transferir ás entidades locais adheridas un 10% do produto das multas coercitivas e das sancións que impoña.
Neste sentido, a conselleira felicitou á alcaldesa pola decisión xa que, lembrou, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística é un ente que está ao servizo dos concellos co único fin de garantir a protección do territorio e o respecto á legalidade vixente.
0 Comments
Leave A Comment