O Concello de Guitiriz iniciou esta semana un proxecto piloto no Curro Vello para regularizar os contadores de auga debido á entrada en vigor da normativa estatal que obrigará proximamente a facelo en todo o municipio.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, explica que “proximamente, por orde ministerial, será obrigado o cambio en todo o municipio e nós decidimos poñernos xa mans á obra vendo como funciona nesta zona do casco urbano, no Curro Vello”.

O mércores os operarios da empresa contratada polo Concello para realizar este proxecto piloto comezaron a substituír os contadores de auga do Curro Vello por outros máis modernos, sen que isto supoña ningún custo para os titulares.

“Había algún contador do ano 1964”, explica a rexedora, que subliña a importancia deste cambio xa que “os contadores que non funcionan ben provocan problemas, pode ocorrer que se algún non funciona como é debido, os que si funcionan sufraguen os gastos destes avariados”.

Polo tanto “é un beneficio para todos, para o Concello e para os usuarios. É importante que todos paguemos o que gastamos, que non teñaos ningún custo adicional”. E é que “moitas veces a lectura faise de xeito manual e un erro da persoa que o le pode ocasionar o cobro dun recibo máis alto do normal”, incide.

Por outra banda, este novo sistema de contadores permitirá que o Concello poida levar un mellor control de posibles fugas de auga. “Evitaremos así que se desperdicie este ben, adaptándonos ademais ás recomendacións que fan as entidades competentes para o aforro de auga debido á nova situación meteorolóxica que vivimos”, aclara.