O Concello de Guitiriz presentara mañá, venres 28 de febreiro a partir das 19 horas na Casa Habanera, a acción de concienciación cidadá sobre a igualdade e contra a violencia de xénero ‘En Guitiriz sementamos igualdade’. Un manual de boas prácticas destinado a que a cidadanía dispoña de suficientes recursos na súa vida cotiá para abordar situacións nas que se producen a desigualdade e a violencia de xénero.

Esta publicación contén información precisa e sinxela para comezar a cambiar actitudes e comportamentos, así como o coñecemento necesario para sermos quen de recoñecer e distinguir o machismo, cambiar a mentalidade e conformar unha sociedade máis igualitaria, positiva e construtiva. Así mesmo, constitúe unha ferramenta práctica e útil para a elaboración de plans de igualdade e/ou a resolución de conflitos desta índole no tecido asociativo.

A iniciativa achegará de xeito directo ás familias a información e ferramentas necesarias para facer fronte a situacións de violencia de xénero e convivir en igualdade. O Concello de Guitiriz distribuirá entre a veciñanza mil exemplares do manual de bos usos ‘En Guitiriz sementamos igualdade’, xunto con 70 carteis anunciadores da acción, entre os comercios, centros de ensino e de saúde e bibliotecas da vila.

 

Ficha do libro

Todas e todos queremos vivir nun mundo mellor, nunha sociedade habitada por xentes pacíficas, que se traten con respecto e colaboren nas tarefas comúns de convivencia. Ninguén soña con limitarse a sobrevivir nunha contorna hostil, violenta e desigual. Non é certo? O sistema democrático garante que poidamos votar e elixir a quen nos representan e lexislan para establecer esas normas de convivencia, mais está nas nosas mans, nas de toda a cidadanía, facelas efectivas. Até que a metade da poboación non estea libre de sufrir violencia e discriminación polo feito de ser mulleres non poderemos afirmar que vivimos nun sistema social xusto.

Con este manual pretendemos ter sempre preto de nós unha guía útil e didáctica ao servizo da comprensión de todas as idades. Con ela poderemos empezar a cambiar actitudes e comportamentos, así como sermos quen de recoñecer e distinguir o machismo e saber como actuar ante el. Esperamos, pois, sementar igualdade para recoller un futuro, non moi afastado, mellor.