O Concello de Guitiriz aprobou onte en pleno por unanimidade o Plan de Acción para o Clima e Enerxía Sustentable (PACES), un documento para facer fronte ao cambio climático e reducir emisións. 

O Concello sumouse en xaneiro do ano 2019 a iniciativa europea do Pacto de Alcaldes para o Clima e a Enerxía. Este reúne ás autoridades locais e rexionais que de forma voluntaria comprométense a implantar os obxectivos de clima e enerxía da Unión Europea no seu territorio. Os asinantes teñen como obxectivo a redución das emisións de CO2 en polo menos un 40 % para 2030 e a aumentar o seu resiliencia aos impactos do cambio climático.

No caso de Guitiriz este plan permitirá non emitir 13.268,315 toneladas de CO2 o ano, o que equivale ao 40,6 % de redución ao respecto do ano de referencia, o 2010.

A estratexia recen aprobada inclúe 28 medidas de actuación en distintos sectores diferenciando a inversión privada e a pública, nas que destacan o sector de equipamentos municipais e o de transportes.

O concello márcase o obxectivo captar fondos europeos para financiar medidas como a  substitución de luces LED ou uso da biomasa en instalacións públicas pero tamén incentivar que a veciñanza perciba axudas para as obras privadas como as da envolvente térmica dos edificios (ventás e fachadas).

Accións xa realizadas

O documento resalta que ata o momento, entre 2010 e 2020, realizáronse accións que supoñen unha redución do 4,8% polo que Guitiriz ten demostrado que é posible cumprir co obxectivo marcado.

Unha rede europea permanente de intercambio de información

O Pacto dos Alcaldes é unha ferramenta que pretende reunir aos alcaldes das cidades europeas nunha rede permanente de intercambio de información para a aplicación de boas prácticas a través da mellora da eficiencia enerxética no ámbito urbano, a redución das emisións de CO2 no ámbito territorial local e aumentar a resiliencia fronte ao cambio climático.

Financiación para a redacción do PACES

Para a redacción do documento recibiuse o apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e do FEDER “Unha forma de facer Europa” que financiaron o 100% do custe do mesmo.

Mais información: https://pactodosalcaldes.gal/