O Concello de Guitiriz aprobou onte, xoves 26 de maio, no pleno ordinario, por unanimidade, a aplicación da bonificación do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) en tres proxectos de interese social.
Así, puideron beneficiarse desta bonificación: a obra de reparación, mantemento e actividade do balneario e do campo de golf, a rehabilitación da casa de Xosé María Díaz Castro como espazo museístico por parte da Asociación Xermolos, e, por último, a ampliación dunha explotación de vacún de leite.
O goberno local favorece así a execución destes tres proxectos que xerarán empregos, potenciarán o sector primario ou poñerán en valor o patrimonio do municipio. Este foi o obxectivo co que, no ano 2020, se modificara o ICIO, ampliando os supostos de bonificación co obxectivo de impulsar o sector primario e fomentar o emprego.
Un pleno de acordos unánimes
Na sesión plenaria de onte o consenso foi maioritario. Así, ademais das tres bonificacións do ICIO, aprobáronse por unanimidade gran parte dos asuntos que levou o goberno local á orde do día:
- Modificación temporal do réxime de adicacións e retribucións da concelleira delegada de Turismo e do concelleiro delegado de Xuventude e Deportes por baixa por maternidade da concelleira de Medio Rural, Medio Ambiente e Réxime Interior. Aprobada cos votos a favor do PSOE e PP e a abstención do BNG.
- Modificación do inventario de bens municipais da porción de terreo encravado en parcela municipal no lugar A Raposeira-Santa Leocadia. Aprobada por unanimidade.
- Modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola tramitación de expedientes e expedición de documentos administrativos. Aprobada por unanimidade.
Por outra banda, na quenda de mocións estas foron as votacións:
- Moción presentada polo BNG relativa a tomar medidas contra o abandono de vivendas do Concello. Aprobada por unanimidade cunha emenda.
- Moción presentada polo BNG para reclamar melloras no transporte público na futura lei de mobilidade sostible. Aprobada por unanimidade.
- Moción presentada polo PP en relación ás concesións de transporte colectivo por estrada. Rexeitada cos votos en contra do PSOE e a favor do PP e BNG.
Moción do PSOE para propoñer á Xunta a adopción dun decreto que aprobe a delimitación do tramo Vilalba-Betanzos como integrante do Camiño Norte de Santiago. Aprobado cos votos a favor do PSOE e BNG e abstención do PP.
0 Comments
Leave A Comment