Laura Ageitos, concelleira de Benestar Social do Concello de Guitiriz, participa estes días en representación da administración local nas xornadas do Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, que se desenvolven no Concello de Santiago de Compostela. Á súa vez, tamén participan representantes municipais e rexionais de Portugal, Brasil, Guinea-Bissau, Mozambique, Cabo Verde e Sao Tomé e Príncipe, xunto con concellos de deputacións galegas. 

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organiza estas xornadas co apoio da dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, co obxectivo de achegar a realidade dos países de fala portuguesa ás autoridades locais galegas e, ao tempo, reflexionar sobre as relevantes achegas dos gobernos municipais á consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible. 

O Foro de Cooperación Municipalista da Lusofonía supón un novo espazo para repensar a importancia do traballo que se fai a nivel municipal, para garantir o benestar da poboación e promover o desenvolvemento sostible, e como este se pode compartir con outros municipios para xerar sinerxias e establecer lazos de cooperación entre os mesmos.