O Concello de Guitiriz, a través dunha proposta presentada pola Alcaldía, aprobou no último pleno celebrado o pasado mes de maio solicitar á Xunta de Galicia que, por medio dun Decreto, aprobe a delimitación do tramo Vilalba-Betanzos como integrante do Camiño Norte de Santiago.
A partir dun traballo de investigación do Anuario Brigantino 2017 relativo ó tramo Vilalba-Betanzos do Camiño Norte orixinal (tamén chamado Camiño Real), o denominado “Grupo de Amigos do Camiño Norte (tramo Vilalba-Betanzos)” emprendeu as labores da súa recuperación. Para iso, enviou toda a documentación pertinente ó Cabido da Catedral de Santiago e este respondeu positivamente en carta asinada por don Segundo L. Pérez López, Delegado de Peregrinacións, o 15 de xullo de 2021:
“Que conforme á documentación presentada e ó correspondente estudo histórico, non cabe dúbida que este traxecto formaba parte do antigo Camiño Norte a Santiago de Compostela.
Por elo, ós peregrinos que recorran este tramo e que cumpran as condicións acostumadas e establecidas pola Oficina de Acollida ó Peregrino concederáselles a Compostela como testemuña da súa peregrinación ó Sepulcro do Apóstolo Santiago”.
Máis tarde, o 9 de outubro de 2021, reuníronse en Betanzos os oito alcaldes e alcaldesas dese tramo, asinando unha Declaración favorable a promover as medidas necesarias para sinalizar e manter en bo estado o Camiño, solicitando das entidades públicas, especialmente da Xunta de Galicia, o seu apoio e colaboración a fin de que culmine este proceso co recoñecemento oficial e coa conseguinte integración na rede de Camiños Xacobeos.
A partir dese momento, o “Grupo de Amigos do Camiño Norte (tramo Vilalba- Betanzos)” deu un marxe de tempo para recibir aportacións varias e, acto seguido, solicitou á Fundación L. Montegudo a redacción dunha MEMORIA do Camiño Norte de Peregrinación a Santiago de Compostela no tramo Vilalba-Betanzos, acompañada das memorias específicas para cada concello, que incorporan, como é de rigor información textual, fotográfica e planimétrica detallada. E esas memorias foron trasladadas a todos e a cada un dos concellos: Vilalba, Xermade, Guitiriz, Monfero, Aranga, Irixoa, Paderne e Betanzos.
Como era lóxico, seguiuse na redacción destas memorias a metodoloxía empregada no DECRETO 158/2014, do 27 de novembro, polo que se aproba a delimitación do Camiño de Santiago do Norte, Ruta da Costa. DOG Núm. 245 Martes, 23 de decembro de 2014.
A este respecto, este concello, en coordinación con tódolos demais do tramo Vilalba- Betanzos, quere deixar claro que non é o seu propósito derogar nin emendar o citado Decreto, senón complementalo cun tramo de camiño plenamente documentado, que conflúe en Betanzos co Camiño Inglés, cuxa delimitación foi aprobada polo Decreto 110/2014, de 4 de setembro, DOG no 178 de 18 de setembro de 2014, polo que se aproba a delimitación do Camiño de Santiago Inglés.
0 Comments
Leave A Comment