• O proxecto, valorado en 42.046,95 euros e que xa está adxudicado, permitirá dixitalizar 59.913 páxinas e 416 expedientes.
  • O material a tratar vai desde o ano 1836 ao 1959.

O Concello de Guitiriz ven de adxudicar os traballos de dixitalización do Arquivo Municipal, un proceso que se leva a cabo co fin principal de garantir a preservación dos documentos que se conservan.

O obxectivo é: evitar o deterioro físico ocasionado polo manexo manual, conservar os contidos a longo prazo, identificar e describir os documentos dixitalizados cos seus correspondentes esquemas de metadatos, procurar o acceso a estes e poder difundilos a través da páxina web e, ademais, integralos no sistema de arquivo electrónico do Patrimonio de Galicia.

O proxecto, valorado en 42.046,95 euros, permitirá dixitalizar un total de 59.913 páxinas e 416 expedientes. O material tratado é dun alto valor patrimonial e histórico xa que data desde o ano 1836 ao 1959. Entre os documentos poden atoparse algúns como: ‘Construción dun cemiterio musulman en Guitiriz’ (1937), ‘Epidemia de gripe’ (1957), ‘Desobediencia do alcalde de barrio’ (1926), ‘Alteración da orde por cantar’ (1947), ou ‘Consumos de cereais no 1919’.