O Concello de Guitiriz estuda crear zonas de estacionamento gratuíto regulado con horario limitado nas zonas máis concorridas ou de establecementos comerciais co obxectivo de ordenar e mellorar o tráfico, garantindo a rotación das prazas de estacionamento entre os usuarios.
Esta nova figura articularíase a través da primeira ordenanza municipal de tráfico do Concello de Guitiriz, que desde o pasado martes 15 de marzo está exposición pública durante 15 días na sede electrónica municipal para poder proceder a súa aprobación inicial no seguinte pleno.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, explica que “estamos a analizar as posibilidades para rematar coa dobre fila e a falta de aparcamento que se xera nos días laborais ao carón dos espazos comerciais e que fai que algunhas persoas non poidan ir á compra ou facer as súas xestións con facilidade”.
Ordenanza de tráfico
A normativa será a referencia en materia de tráfico, circulación, estacionamento e seguridade viaria no municipio. Tamén destaca no texto a apertura da posibilidade de que as persoas con tarxeta de mobilidade reducida poidan facer uso das prazas de carga e descarga durante un tempo limitado cando estean ocupados os espazos habilitados para estas persoas.
Quedan reguladas tamén as velocidades ás que poderán circular os vehículos nas vías públicas, que será de 50 km/h agás nas zonas urbanas que será de 30 km/h en vías dun único carril por sentido de circulación e de 20 km/h nas que só dispoñan de plataforma única de calzada e beirarrúa.
Ademais, tamén se regula a circulación de bicicletas, vehículos de tracción animal, carga e descarga de mercancías, sinalización de obras e obstáculos na vía pública, vaos permanentes…
“Ao non contar cunha ordenanza municipal, e rexerse polas normativas estatais, había algunhas cuestións que non quedaban reguladas e que pretendemos cubrir con este texto”, aclara Marisol Morandeira.
0 Comments
Leave A Comment