O Concello de Guitiriz insta á Xunta de Galicia, concretamente á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a que “modifique a xestión do transporte escolar para que os nosos nenos e nenas poidan dispoñer das paradas suficientes”.

Fíxoo nun pleno extraordinario celebrado hoxe, xoves 10 de novembro,  a través dunha moción presentada polo grupo municipal do PSOE, aprobada por unanimidade, na que se fai unha crítica xeral ao funcionamento do ‘Transporte Integrado’ creado pola Xunta e que aglutina o Transporte Escolar na etapa obrigatoria e que dá tamén un servizo público. “O curso pasado foi unha fonte de problemas para a comunidade escolar e este comezo de curso está a ocorrer de novo, con numerosas incidencias no noso concello”, explícase no texto.

A moción alerta de que “cando o alumnado finaliza os estudos de primaria e comeza a cursar os estudos de secundaria, sen ningún tipo de explicación nin razón obxectiva, as paradas que eran válidas ata ese momento deixan de selo” e sinala que “víronse afectadas familias que residen nos Vilares, nas Negradas, na Santa Mariña, en Santa Cruz…”.

Tamén se preguntan o “por que o transporte tanto público como escolar nunha cidade pode facer tantas paradas como se consideren necesarias, independentemente da distancia entre elas, pero no noso Concello non lles permiten aos buses parar a menos de 2 quilómetros de distancia entre paradas aínda que estean nas mesmas estradas e os buses non teñan que facer ningún tipo de desvía nin desprazamento para poder accedera a elas”.

Ademais, critícase que “con esta xestión da Xunta está deteriorándose o transporte escolar, creando monopolios dentro do sector e acabando coas pequenas empresas de transporte” ademais de darlle ao rural “un trato discriminatorio, restándolle oportunidades”.

Por iso, o Concello de Guitiriz insta á Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade que modifique a xestión do transporte escolar para que os nosos nenos poidan dispoñer das paradas suficientes para que as súas familias poidan conciliar a vida  familiar e laboral e os nosos nenos desenvolver dun xeito axeitado as súas competencias. Tamén a obrigar a todas as empresas adxudicatarias do mencionado transporte para os centros escolares, para que as posibles incidencias poidan ser estudiadas sobre o terreo, con celeridade favorecendo así a resolución.

Outros temas do pleno

Ademais, na sesión plenaria aprobouse, cos votos a favor de PSOE e PP e a abstención do BNG, a modificación orzamentaria para 4/2022, que anula parcialmente o modificativo de crédito 1/2022, correspondente á obra da rúa Tralouteiro, para destinar eses 40.000 euros, que o Concello recibirá finalmente a través dunha subvención, a outros gastos.

Aprobáronse por unanimidade tanto a ordenanza reguladora da taxa polo aproveitamento especial do dominio público local das instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas, auga e hidrocarburos como a modificación da ordenanza reguladora do ICIO.

Tamén se aprobou en pleno, por unanimidade, a modificación da ordenanza do PAI para aplicar a gratuidade nas escolas infantís a todos os fillos e fillas de 0 a 3 anos; e a modificación das bases de execución do orzamento municipal para 2022.

Por último, o acordo do prezo para a pista de pádel foi aprobado cos votos a favor do PSOE, abstención do BNG e en contra do PP, e para os puntos municipais de recarga eléctrica houbo unanimidade.