O Concello de Guitiriz é un dos beneficiarios do programa ‘Prende! Bota raíces no rural’ que impulsa a Deputación de Lugo co obxectivo de mellorar a empregabilidade dos mozos en municipios de menos de 5.000 habitantes.
Representantes da Deputación explicaron hoxe á alcaldesa, Marisol Morandeira, e á primeira tenente de alcalde, Paula Campo, os beneficios e posibilidades deste programa.
Está dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos, apuntados no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e empadroados en Guitiriz. Os interesados poden acudir ata o Concello para tramitar a solicitude a través da sede electrónica https://sede.deputacionlugo.org/ ou ben facela presencialmente no Pazo de San Marcos en Lugo. O prazo para anotarse remata o 20 de xaneiro.
Xunto á solicitude deberán achegarse os seguintes documentos: DNI ou NIE do solicitante e do representante de ser o caso; currículo actualizado; certificado de empadroamento na data da solicitude; xustificante de inscrición no ficheiro do Sistema de Garantía Xuvenil; declaración responsable do participante ao inicio da actuación; certificacións de estar ao corrente das obrigas tributarias (Axencia Estatal e Autonómica), Seguridade Social e Deputación de Lugo, só no caso de non autorizar a súa comprobación; e certificado da conta bancaria onde conste como titular o solicitante.
Os seleccionados formarán parte dunha primeira etapa de formación, que se levará a cabo por sectores: enerxías renovables (que se impartirá na Mariña), xestión forestal (na Montaña), hostalería e turismo (Ribeira Sacra), e agricultura e gandería (zona centro). Nesta fase de aprendizaxe, os participantes comprométense á asistencia e aproveitamento da preparación recibida e haberá unha proba de coñecemento por cada acción formativa. Por cada xornada de formación de cinco horas o participante recibirá 14 euros e a Deputación entregará tamén un diploma de asistencia ao final deste período.
Despois da primeira fase de formación, desenvolverase unha segunda de experiencia laboral, na que a Deputación concederá axudas a empresas vinculadas cos anteriores sectores produtivos para que contraten durante 8 meses aos mozos e mozas que recibiron a formación, e poidan así adquirir experiencia laboral. O importe da axuda que recibirán as empresas será de 4.410€ por cada persoa contratada. Os traballadores e traballadoras percibirán como mínimo 900€ ao mes. Ademais, a aqueles participantes no programa que decidan emprender, a Deputación concederalles unha axuda de 5.510€ para poñer en marcha o seu proxecto empresarial.
Máis información en https://bit.ly/2QzFb00
0 Comments
Leave A Comment