O Concello de Guitiriz mellorará de maneira notable a súa rede de saneamento cunha inversión de 2,5 millóns de euros para construír un novo colector interceptor.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e o presidente da la Confederación Hidrográfica del Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, asinaron o protocolo que establece a colaboración entre as dúas entidades. Unha colaboración que enmarca o financiamento, a disposición de terreos, a execución e a entrega das actuacións do plan bautizado como ‘Proyecto de renovación del colector paralelo a la vía del ferrocarril en Guitiriz’.

A actuación consistirá nunha intervención no colector interceptor da rede de saneamento paralelo á vía do ferrocarril. O actual colector atópase en moi mal estado, como se detectou no 2020 coa inspección con cámara de vídeo. As imaxes amosaron importantes infiltracións de auga. Tanto que a súa reparación era inviable.

Deste xeito, cumpría construír un novo colector, que comezará nas proximidades do apeadeiro e chegará, grazas á súa lonxitude aproximada de 1.500 metros, á entrada da EDAR.

Co novo colector optimizarase o funcionamento desta depuradora e, polo tanto, mellorarán as calidades das augas e dos sistemas fluviais afectados polas deficiencias do actual saneamento.