O Concello de Guitiriz presentou a IX edición da Festa da Torta de Millo, que se celebrará o domingo 7 de xuño na Praza do Campo da Feira de Guitiriz cunha intensa programación cultural, musical e gastronómica arredor dun dos produtos máis representativos do municipio. A festa está organizada polo Concello de Guitiriz coa colaboración da Deputación de Lugo a través do Plan Deputación.

A presentación tivo lugar na Escola Habanera nun acto no que participaron a alcaldesa de Guitiriz e deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira; o concelleiro de Cultura, Ramón Rivas; e a concelleira de Turismo, Pilar Vázquez.

Durante o acto, Morandeira destacou que “a torta de millo de Guitiriz representa o sabor da tradición, pero tamén a capacidade de transformar un produto artesanal nun símbolo recoñecido dentro e fóra de Galicia”.

A alcaldesa incidiu en que esta cita “é un exemplo de como a gastronomía pode converterse nun motor de promoción turística, dinamización económica e orgullo colectivo”, ao tempo que subliñou que “a combinación de cultura, música e gastronomía fai desta festa un atractivo turístico de primeiro nivel para a Terra Chá e para toda a provincia”.

A rexedora tamén quixo poñer en valor “o traballo dos negocios e obradoiros artesáns que, xeración tras xeración, mantiveron viva unha receita única ata convertela nun dos sinais de identidade de Guitiriz”, e agradeceu a implicación “de todas as empresas, asociacións, institucións e centros educativos que colaboran para facer posible esta celebración”.

Pola súa parte, o concelleiro de Cultura, Ramón Rivas, destacou que “aínda que a festa ten unha base gastronómica, continuamos apostando por unha forte programación musical coa que buscamos poñer en valor as voces e a música galega, cun cartel no que destacan especialmente as voces femininas”, facendo alusión as dúas grandes actuacións desta edición: Sheila Patricia e Caamaño & Ameixeiras.

Rivas incidiu ademais na importancia de “seguir apoiando a cultura galega e creando espazos para a música de raíz e para proxectos artísticos que conectan tradición e actualidade”.

Programación completa

A festa, organizada polo Concello de Guitiriz coa colaboración da Deputación de Lugo, volverá converter o municipio nun referente da cultura, a artesanía e a gastronomía tradicional galega, cun programa que inclúe concertos, xogos populares, obradoiros, exposicións, sorteos e actividades participativas para todos os públicos.

A programación dará comezo ás 11:00 horas coa apertura da mostra de artesanía e dos postos de venda e degustación da Torta de Millo, nos que participarán dúas das panaderías tradicionais da vila: La Esquina e Panadería David. Os postos permanecerán abertos ata as 13:30 horas e retomarán a actividade pola tarde, entre as 17:00 e as 19:30 horas.

Os distintos postos de artesanía estarán distribuídos arredor da praza seguindo o modelo de edicións anteriores e acollerán xoiería, téxtil, traballos en ferro e madeira, cestería, impresión 3D, cantería e outros produtos artesáns.

Entre as actuacións da mañá destaca o concerto da Escola de Música do Concello, coa participación da Banda Municipal e do Grupo de Gaitas, de 11:00 a 12:00 horas. A continuación, ás 13:30 horas, actuará Sheila Patricia, artista, cantante e compositora galega recoñecida pola súa forza escénica e pola súa capacidade para fusionar tradición e vangarda.

Xa pola tarde, ás 16:30 horas, celebrarase a mostra de xogos tradicionais e populares da man da asociación O Cadaval, nun formato semellante ao de edicións anteriores.

Ás 17:45 horas será a quenda de Airiños de Orbazai, asociación cultural sen ánimo de lucro que traballa na difusión e posta en valor da cultura popular galega. O grupo ofrecerá un espectáculo colectivo con arredor de 40 persoas sobre o escenario e unha ampla diversidade instrumental. Esta actuación será posible grazas ao programa Tradigalu.

A programación musical pecharase ás 20:45 horas coa actuación de Caamaño & Ameixeiras, dúo formado por acordeón cromático, violín e voz, cunha proposta ligada á música e ao baile de raíz e cunha destacada traxectoria tanto a nivel nacional como internacional.

Servizos e actividades complementarias

Ao longo de toda a xornada haberá tamén diferentes actividades organizadas de maneira colaborativa pola Biblioteca Municipal, a Aula CeMIT e os centros educativos do concello, coa implicación do IES Poeta Díaz Castro, do CEIP Lagostelle, do CEIP Santo Estevo de Parga e das ANPAS de ambos centros de educación infantil e primaria. O Centro de Día Casa do Capataz tamén colaborará nesta edición.

Entre as novidades deste ano destaca a presenza dunha foodtruck con servizo de comida durante todo o día, así como aseos públicos para as persoas asistentes.

Durante a mañá poderá visitarse a exposición dos textos participantes na actividade ‘Tes un conto’, promovida pola Biblioteca Municipal. Ademais, coas compras de Torta de Millo agasallarase un marcapáxinas elaborado polo alumnado da Aula CeMIT a partir de deseños creados polo alumnado do IES Poeta Díaz Castro.

Tamén poderá verse unha exposición de cartelería sobre a Torta de Millo realizada polo alumnado do IES mediante a técnica do collage. Ademais, en colaboración entre a Aula CeMIT e os colexios de Parga e Lagostelle elaboráronse tres dominós especiais dedicados á Festa da Torta de Millo. Dous deles sortearanse durante a xornada para recadar fondos para as ANPAS dos centros educativos, que realizarán unha venda de rifas, mentres que o terceiro formará parte da mostra de xogos tradicionais.