A Aula CeMIT de Guitiriz será escenario do obradoiro presencial ‘Pantallas abertas: seguridade sen filtros’, unha actividade formativa gratuíta dirixida a todas as persoas interesadas en comprender mellor o impacto das redes sociais e da tecnoloxía na vida cotiá.

A sesión desenvolverase na propia Aula CeMIT o vindeiro 11 de xuño a partir das 10:00 horas e permitirá ás persoas participantes coñecer que hai detrás das redes sociais, os riscos asociados á compartición de datos persoais, o impacto da desinformación nas nosas decisións e as claves para acompañar aos fillos e fillas nun uso responsable das ferramentas dixitais.

O programa inclúe a visualización dun documental e unha sesión formativa posterior na que se afondará nestas cuestións. Esta iniciativa pretende ofrecer recursos e coñecementos prácticos para afrontar con maior seguridade e criterio os desafíos que presenta o entorno dixital actual.

As inscricións xa están abertas e poden realizarse a través do correo electrónico cemit.guitiriz@xunta.gal ou no teléfono 982 37 00 62, onde tamén se pode solicitar máis información.