O Concello de Guitiriz abrirá o vindeiro martes, 9 de xuño, o prazo de inscrición para as actividades de verán que se desenvolverán na piscina municipal durante os meses de xullo e agosto.
A programación inclúe un curso de natación dirixido a nenos e nenas nados entre os anos 2014 e 2022, ambos incluídos, así como un curso de mantemento e rehabilitación acuática destinado á poboación adulta.
O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o venres 19 de xuño. As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición a través da Sede Electrónica do Concello ou de maneira presencial no Rexistro municipal, en horario de 8:30 a 14:30 horas. Será necesario indicar un enderezo de correo electrónico na solicitude e achegar a tarxeta sanitaria da persoa participante.
As prazas son limitadas e adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadroadas no municipio. O prezo de ambas actividades será de 15 euros ao mes.
Os cursos de natación darán comezo o mércores 1 de xullo e desenvolveranse todos os luns e mércores dos meses de xullo e agosto. Haberá dous grupos: un de 12:00 a 12:45 horas e outro de 12:45 a 13:30 horas, cun máximo total de 20 participantes.
Pola súa banda, as clases de mantemento e rehabilitación acuática para persoas adultas iniciaranse o martes 7 de xullo e celebraranse todos os martes de xullo e agosto, en horario de 12:00 a 13:30 horas. Nesta actividade poderán participar un máximo de 12 persoas.
Para obter máis información, as persoas interesadas poden contactar co Concello de Guitiriz a través do teléfono 982 370 109 ou do correo electrónico info@concellodeguitiriz.com.
