A Aula CeMIT do Concello de Guitiriz desenvolverá durante o próximo mes de xullo un programa de actividades dirixido á cativada co obxectivo de fomentar un uso creativo, responsable e crítico das novas tecnoloxías.
A programación inclúe varios obradoiros gratuítos con prazas limitadas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Terán preferencia os nenos e nenas con idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos. O prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns, 15 de xuño, e permanecerá aberto ata o 26 de xuño.
A primeira das propostas será o obradoiro ‘Robótica con micro:bit’, que se celebrará os días 8, 9 e 10 de xullo, permitindo aos participantes iniciarse na programación e na creación de proxectos tecnolóxicos mediante estas populares placas educativas.
A continuación, os días 15, 16 e 17 de xullo, desenvolverase o obradoiro ‘Misión Gafas de RV: Unha nova dimensión’, unha actividade centrada na realidade virtual e nas súas posibilidades educativas e creativas.
Os días 22, 23 e 24 de xullo terá lugar o obradoiro ‘Aventura dixital creando con Canva e Genially’, no que a cativada poderá descubrir ferramentas para a creación de contidos visuais e presentacións interactivas.
Estes tres primeiros obradoiros celebraranse en horario de 10:30 a 12:30 horas.
Por último, a Aula CeMIT acollerá a proposta ‘Casa domótica accesible’, que contará con dúas quendas diferenciadas: unha o 28 de xullo, destinada á cativada de 9 a 11 anos, e outra o 30 de xullo, dirixida á mocidade de 12 a 16 anos. Ambas quendas serán en horario de 10:00 a 14:00 horas.
As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición na Biblioteca Pública Municipal, na Aula CeMIT de Guitiriz ou a través do teléfono 982 37 00 62, onde tamén se poderá obter información adicional sobre cada unha das actividades.
