A Aula CeMIT de Guitiriz ofrecerá durante o mes de agosto dúas actividades formativas gratuítas dirixidas á mocidade co obxectivo de achegar as novas tecnoloxías, fomentar a creatividade e promover o desenvolvemento de competencias dixitais e STEAM.

A primeira proposta será o ‘Laboratorio Maker: Impresión 3D’, un obradoiro práctico de iniciación á impresión 3D destinado a nenos e nenas de entre 8 e 15 anos.

Ao longo das sesións, as persoas participantes descubrirán os fundamentos da fabricación dixital, coñecerán o funcionamento dunha impresora 3D e darán os seus primeiros pasos no deseño e modelado de obxectos, potenciando a creatividade, a experimentación e o desenvolvemento de competencias STEAM. O obradoiro desenvolverase os días 6, 7, 12, 13 e 14 de agosto, en horario de 10:10 a 12:30 horas.

A continuación celebrarase unha nova edición de ‘Argallando entre Xeracións’, unha iniciativa que combina formación tecnolóxica e intercambio interxeracional. Durante tres xornadas, os mozos e mozas participantes achegaranse ao deseño e impresión 3D, a electrónica e robótica e a programación, nun programa que culminará cunha sesión especial de demostración aberta ás persoas maiores.

Esta actividade está dirixida a rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos e terá lugar os días 19, 20 e 21 de agosto, en horario de 10:00 a 12:30 horas.

Ambas as actividades son gratuítas e contan con prazas limitadas, que se cubrirán por orde de inscrición. As persoas interesadas poden solicitar a súa praza chamando ao 982 37 00 62 ou enviando un correo electrónico a cemit.guitiriz@xunta.gal. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 31 de xullo.