A Escola Habanera de Guitiriz acollerá a exposición da artista vilalbesa Iris Debasa, unha colección moi especial composta por 35 obras nas que os animais son os grandes protagonistas. A mostra será inaugurada o vindeiro 8 de outubro ás 17:00 horas e poderá visitarse ata o 29 de outubro.
Os debuxos están realizados con carboncillo, lapis e rotulador negro, técnicas coas que a artista consegue captar as miradas, os aloumiños, os sorrisos e outros pequenos xestos dos animais, transmitindo a través deles diferentes emocións. As obras convidan a parar, observar e descubrir esa beleza que nos rodea cada día, ofrecendo unha mirada próxima e sensible ao mundo animal.
Iris Debasa é unha artista vilalbesa apaixonada polo debuxo desde moi pequena. Licenciada en Bioloxía, compaxina a súa actividade profesional coa súa paixón pola arte e pola creación. A súa obra puido verse anteriormente en exposicións celebradas en Vilalba e Xermade, e agora chega a Guitiriz cunha selección de traballos nos que destaca o seu dominio das técnicas do debuxo e a súa capacidade para captar a expresividade dos animais.
A exposición poderá visitarse de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas, e de luns a xoves tamén pola tarde, de 16:00 a 18:30 horas, completamente de balde.
