Máis de 500 persoas formaron hoxe unha cadea humana en Parga para reclamarlle ao Sergas a apertura total do centro de saúde da parroquia. A ringleira de persoas estendeuse desde a estación do tren ata o campo da feira e o consultorio.
Os participantes estaban unidos entre si mediante lazos que proporcionou a Comunidade de Montes de Parga e os Comerciantes de Parga, organizadores desta concentración.
O consultorio, que se pechou ao inicio do Estado de Alarma para centralizar a atención en Guitiriz coa promesa de retomar a súa actividade cando este finalizase, só está a abrir os martes e os xoves para levar a cabo extraccións de sangue.
As mobilizacións continuarán o próximo xoves, 9 de xullo. A veciñanza de Guitiriz desprazarase de novo a Lugo, para manifestarse a partir das 10 horas na explanada do Hospital Lucus Augusti. Haberá buses gratuítos para aqueles interesados en participar.
Declaración institucional
Todos os membros da corporación municipal acordaron celebrar o próximo luns, 6 de xullo, ás 19 horas un pleno extraordinario telemático no que se aprobe unha declaración institucional en apoio á veciñanza de Guitiriz e solicitando a reapertura total do centro de saúde de Parga.
Tamén se consensuou que esta sesión plenaria non suporía para os concelleiros e concelleiras ningunha retribución por dietas.
0 Comments
Leave A Comment