Algo é cognitivamente accesible soamente cando resulta de entendemento sinxelo.
A accesibilidade cognitiva é a propiedade que nos permite comprender a información proporcionada polo ambiente, servizos, instrumentos, ferramentas e dispositivos que resultan incomprensibles ou de difícil comprensión.
O Concello de Guitiriz, en colaboración cos Departamentos de Orientación dos Centros Educativos do Concello, levou a cabo un programa de accesibilidade cognitiva.
Como primeira medida desta iniciativa e atendendo tamén ao Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 4 (ODS número 4) que recolle “garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade, así como promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todas as persoas”, elaboráronse 450 pictogramas (de ARASAAC) para todas as entidades municipais, os colexios, o instituto, os centros de saúde e todos os locais que así o solicitaron.
Os devanditos pictogramas estarán instalados nas entradas e nas diferentes estancias dos establecementos a quen agradecemos a súa disposición e colaboración.
Os pictogramas empregados neste proxecto proceden de ARASAAC (Centro Aragonés de la Comunicación Aumentativa y Alternativa) e son propiedade do Goberno de Aragón que os distribúe con licenza Creative Commons.
0 Comments
Leave A Comment