A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, presentoulle hoxe ao xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, un proxecto valorado en 478.766,75 euros para construír unha escola infantil de 0 a 3 anos con 3 unidades.
A mellora do servizo de atención infantil é unha urxencia para o Concello de Guitiriz, xa que o actual Punto de Atención á Infancia conta cunha ampla lista de agarda ao ter só 20 prazas para o rango de idade entre 0 e 3 anos, e tamén é unha demanda recorrente da alcaldesa, que no 2019 acadara o compromiso da conselleira de Benestar Social, Fabiola García, para buscar algunha solución.
Marisol Morandeira lembra que “a finais do ano 2019 os técnicos da Consellería visitaron as instalacións do PAI e concluíron que a súa ampliación era inviable polo que a única solución era a creación dun novo edificio” e “debido á ausencia de novas ao respecto decidimos elaborar nós o proxecto para a súa construción, que deberá ser a base para negociar o seu financiamento”.
O proxecto propón o emprazamento do edificio nun espazo dentro do recinto do CEIP Lagostelle, situado detrás do pavillón, e que actualmente é unha zona con herba.
A nova escola infantil, que permitirá dar resposta á demanda das familias actuais e futuras, executarase nunha edificación de planta baixa totalmente equipada. Na súa zona sur situaranse as 3 aulas, que contarán con pequenos patios individuais diante de cada unha, e a orientación norte destinarase ao traballo administrativo, onde estará a sala de profesores, unha lavandería e haberá aseos e vestiarios. Entre estes dous bloques contémplase unha sala de usos múltiples que funcionará como comedor, unha cociña e tamén un gran espazo diáfano ao que se abren todas as estancias.
No exterior crearase un patio con zona cuberta e areeiro, outro de servizo e o acceso das familias proponse a través dun vestíbulo cuberto que estará situado entre a zona administrativa e a escolar e no que se habilitará un almacén de carriños. Ademais, está previsto urbanizar a rúa que dá acceso á parcela para resolver o tránsito rodado.
0 Comments
Leave A Comment