O Concello de Guitiriz e o colectivo Nova Poesía Guitirica, en colaboración coa asociación de hostalería De Bares e de Gadis, organizan, do 1 ao 3 de xullo, a segunda edición do Festival de Poesía Guitirica.
A Casa Habanera será a sede da poesía galega durante tres días e hoxe, luns 27 de xuño, foi neste mesmo espazo onde a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e un dos promotores de Nova Poesía Guitirica, Antón Tenreiro, presentaron o festival.
Marisol Morandeira destacou que “este festival ten o obxectivo de continuar a vea e a tradición poética do Concello, ás cousas hai que darlles oportunidades para que collan ritmo e se consoliden, mellorando aspectos edición tras edición”. “Agardamos que sexa unha fin de semana intensa”, desexou.
Pola súa banda, Antón Tenreiro explicou que “o obxectivo é manter a memoria de Díaz Castro, o noso referente poético en Guitiriz, como leitmotiv sobre o que xira toda a programación” e agradeceu “a súa disposición a todos os e as poetas que van a estar aquí esta fin de semana”. “Hai poucos festivais de poesía en Galicia, Guitiriz pasa a ser unha das vilas galegas que conta con un”, valorou.
Guitiriz, epicentro da poesía galega durante tres días
A programación arrincará o venres, 1 de xullo, ás 17:00 horas, co espectáculo infantil ‘Brinca vai de aquí a acola’, de Paco Nogueiras’. Ás 18:30 horas Luz Darriba e Xulio Pardo estrearán unha das novidades desta segunda edición, as presentacións vis a vis, con dous autores e dúas obras a un tempo. Seguiranos Ainhoa Conde e María Xosé Lamas, xa ás 19:15 horas. A xornada inaugural rematará ás 20:30 horas cun concerto verso de Corredores de Sombra.
O sábado, 2 de xullo, programouse para as 11:15 unha conversa con Clara Blanco, que dará paso ao pregón e presentación do festival coa presencia da pregoeira, a escritora marica Campo, e Marisol Morandeira. Tralo pregón, ao redor das 13 horas, levarase as rúas de Guitiriz encheranse de versos co Pasarrúas poético. Xa pola tarde, ás 17 horas, Moncho Bouzas e Luz Airado subiranse á tarima da Habanera para a súa presentación vis a vis. Tras eles, farán o propio Curra Figueroa e Eladio Rodríguez, e Lino G. Salgado e Pura Tejelo. Xa as 19:15 horas María Álvarez Landesa, xunto con Eva Teixeiro e Alba María, interpretarán Como Dúas Crebas (Medulia). O concerto de peche de xornada será o de Folerpa de Son.
Na clausura, o domingo 3 de xullo, ás 11:30 horas farase a entrega do Premio Díaz Castro de Poesía a Manuel López Rodríguez e as Vilarinhas de Micro Poesía a Teresa Ríos, Fran Fernández Davila e María Álvarez Landesa. Todo isto amenizado pola música de Roger de Flor e Pedro Montilla. O festival rematará cun novo pasarrúas poético.
Ademais, en paralelo ao festival, o venres 1 de xullo inaugurarase a exposición de collages de Clara Martín, que permanecerá na Habanera ata o 29 de xullo, e, por outra banda, exporanse as Vilarinhas 2022 durante todo o mes nas farolas de Guitiriz.
0 Comments
Leave A Comment