Guitiriz xa ten todo preparado para vestirse de gala e acoller, o vindeiro martes 27 de xuño, ás futuras estrelas do fútbol sala feminino español. O pavillón municipal Jonathan Carro Paz acollerá, a partires das 19:00 horas, un partido internacional entre os combinados sub-17 de España e Portugal.

A cita foi presentada esta mañá na Casa Habanera pola alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira. A rexedora estivo acompañada polo xefe do Servizo de Deportes de Lugo da Xunta de Galicia, Manolo Cadramón; a seleccionadora nacional feminina, Clàudia Pons; e o responsable de fútbol sala da Federación Galega, Pablo Prieto.

“Para nós é un pracer acoller este evento que permitirá darlle pulo ao fútbol feminino. Hai que poñer en valor o deporte, ten que ser algo transversal da nosa sociedade”, destacou Morandeira, que sinalou que “ter en Guitiriz ás futuras campioas do mundo é un orgullo”.

“Somos unha terra que acolle a todo o mundo de marabilla e animamos a todos os nenos e nenas do municipio e de municipios limítrofes a que veñan”, engadiu a rexedora, que puxo en valor o feito de que a selección nacional contase coa guitiricense Yanira Guizán.

Pola súa banda, Manolo Cadramón recoñeceu que poder acoller este partido é “ilusionante” e recalcou que é unha grande oportunidade para que os afeccionados e afeccionadas ao fútbol sala se acheguen a Guitiriz para desfrutar tamén “da súa gastronomía”. “O fútbol sala está moi patente na provincia de Lugo”, lembrou.

Mentes, a seleccionadora tamén puxo en valor ese vínculo entre a provincia de Lugo e o fútbol sala. “Va a ser muy interesante porque estamos empezando a construir nuestra selección. Va a ser muy interesante y esperemos que el pabellón se llene y nos acompañen”, apuntó Clàudia Pons.

Por último, Pablo Prieto quixo recalcar que a Federación Galega puxo “todo o empeño para que non falte o máis mínimo detalle”. “Sempre que a Federación Española vén aquí é recibida cos brazos abertos”, apuntou el responsable de la Futgal, que lembrou que o combinado español contará con tres xogadoras galegas: Emma, Aroa e a citada Yanira.

Concentración desde o domingo

A maiores do encontro, tanto a selección española como a portuguesa estarán concentradas en Guitiriz desde o domingo 25 e ata o xoves 29. As xogadoras e os staffs técnicos hospedaranse no balneario da localidade. O partido do martes terá entrada gratuita.