O Concello de Guitiriz celebrará o Nadal cunha programación de actividades na que tanto pequenos como maiores poderán desfrutar de inchables, obradoiros, karaoke ou baile e, como non, da visita do Apalpador e dos Reis Magos.
O venres, 15 de decembro, as rúas e edificios de Guitiriz iluminaranse co acendido de luces de Nadal. Logo, do 22 de decembro ao 5 de xaneiro, instalarase unha carpa no Campo da Feira onde se desenvolverán as diferentes actividades.
Nesa carpa haberá todos os días inchables e diferentes actividades: obradoiros de cociña, de postais, de decoración de Nadal, sesións de maquillaxe, bailes, karaoke, globoflexia, música en directo e algunhas sorpresas máis.
Ademais, como non podía ser doutro xeito, os máis pequenos recibirán a visita do Apalpador o 22 de decembro e, antes da cabalgata de Reis, o 4 de xaneiro un paxe real pasarase polo Campo da Feira a recoller as peticións dos máis pequenos ás Súas Maxestades de Oriente.
0 Comments
Leave A Comment