O Campo da Feira de Guitiriz foi un fervedoiro de xente durante nunha xornada de domingo na que a Festa da Torta de Millo, que xa chega á súa sétima edición, continúa consolidándose como un evento de referencia na provincia de Lugo.

Desde a apertura da festa e da Mostra de Artesanía, ás 11 horas, os tres establecementos artesáns do municipio que preparan a torta convertéronse nos protagonistas: Panadería David, Pastelería Gómez e Panadería La Esquina. A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, que se pasou polos seus postos, agradeceu “o traballo que facedes durante todo o ano, levando Guitiriz por todo o país grazas á torta de millo, e sobre todo hoxe, coa degustación e venda do produto da que poden desfrutar as persoas que visitan a festa”.

Nos últimos anos a música está a afianzarse como un dos principais atractivos da festa. Ademais dos concertos de Xurxo Fernandes, Mondra e Fillas de Cassandra, grupos referentes do panorama musical galego que fixeron vibrar o Campo da Feira, tamén se puido desfrutar do pasarrúas de Caivanca, da actuación dos Trapeiros dos Vilares e de Na Casa Zoqueiro, do alumnado da Escola de Música ou da batucada de Bloquinho de Xermolos.

Por outra banda, ao longo de todo o día estiveron instalados na praza 25 postos de artesanía e, ademais, houbo obradoiros, exposicións, pulpería, postos de comida e tamén inchables para os máis pequenos.