O Concello de Guitiriz rematou as obras de rehabilitación da antiga escola de Pedrafita, que unha vez abra as súas portas pasará a ser un centro social.

O edificio atopábase nun estado de conservación deficiente que impedía o seu aproveitamento, polo que o goberno local decidiu investir 206.686,71 euros para a súa posta a punto. Para a súa rehabilitación utilizáronse materiais similares ao resto de edificacións da zona para conseguir unha adecuada integración na contorna.

Realizáronse traballos como a renovación da cuberta e da súa estrutura, a demolición da escaleira exterior e a realización dunha nova, a planificación dunha nova distribución para os aseos, a instalación dunha nova ventilación mecánica e climatización mediante aerotermia, a execución de novas instalacións de fontanería, saneamento e electricidade, a renovación das carpinterías exteriores por outras de madeira pintada de branco e o acondicionamento da fachada.

Con esta rehabilitación, o Concello de Guitiriz recupera un edificio que pasará a ser importante no municipio e que será aproveitado como centro social do que poderán gozar os veciños e veciñas.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, destacou que “o goberno local segue a apostar por rehabilitar e dar vida aos edificios do Concello para aumentar e mellorar os servizos municipais para a veciñanza”.