Un ano máis, celebrarase o certame ‘Receitas de outono con poesía’, organizado polo departamento de servizos sociais do Concello de Guitiriz a través da Biblioteca Casa Habanera xunto co servizo de Educación Familiar.

Este 2024 celebrarase a quinta edición desta actividade que ten por obxectivo poñer en valor os produtos de outono á vez que se incentiva a lectura e a escritura, buscando que os participantes saquen o cociñeiro, cociñeira, escritor ou escritora que leva dentro.

As persoas que desexen participar deberán elaborar unha receita con algún produto típico do outono (castañas, noces, cogomelos, cabazas, uvas…), sacarlle unha foto, pensar un nome para ela e, por último, redactar un poema orixinal que debe cumprir con dúas condicións: que a temática do poema sexa o outono e que a extensión sexa dun mínimo de catro versos (unha estrofa) e dun máximo de 16 versos (catro estrofas).

O certame divídese por categorías, contando con dúas en total: infantil (de 3 a 12 anos) e xuvenil/adulto (de 13 a 105 anos). Admitiranse dúas receitas/poemas por participante.

A fotografía e o poema deben enviarse ao correo biblioteca@concellodeguitiriz.com, incluíndo tamén o nome da receita, a categoría na que se participa e os datos de contacto. O prazo para participar estará aberto desde o xoves 17 de outubro ata o domingo 17 de novembro.

O xurado escollerá a receita/poema máis creativa, valorando positivamente a conexión entre as dúas. Rematado o prazo para o envío de propostas publicaranse nas redes sociais do Concello de Guitiriz as propostas gañadoras e tamén as participantes. Os gañadores en cada categoría recibirán un agasallo, que será entregado pola biblioteca pública municipal.