A Biblioteca Pública Municipal Casa Habanera do Concello de Guitiriz acollerá o ‘III Open Xogo da Ra’ o próximo mércores, 7 de maio. Será no lateral da biblioteca de 17:00 a 19:00 horas.
Trátase dunha actividade lúdica e interxeracional que ten por obxectivo revalorizar os xogos de onte e promover a relación e a socialización entre maiores e nenos, que competirán no tradicional xogo da ra.
A iniciativa está dirixida a todas as persoas interesadas, pero será preciso inscribirse previamente na biblioteca antes do día 6 de maio, xa que o número máximo de prazas está limitado a 15 participantes. Cada asistente recibirá un agasallo conmemorativo e os tres primeiros clasificados terán un premio especial.
A actividade busca revalorizar os xogos tradicionais e poñer en valor o papel dos maiores como transmisores culturais, facilitando ao mesmo tempo a inclusión dos xogos como ferramenta de interacción entre xeracións.
0 Comments
Leave A Comment