O pasado domingo, 11 de maio, celebrouse a cuarta saída do programa ‘BTTeando por Guitiriz’, organizado polo Concello de Guitiriz coa colaboración do Club Btteiros Cova da Serpe. Nesta ocasión, foi a quenda da Ruta A Chave de Bascuas, que reuniu a unha decena de participantes nunha xornada que estivo moi marcada polas continuas choivas.
A saída, a última antes do parón do verán, contaba con 25 persoas inscritas, pero as condicións climatolóxicas adversas fixeron que o número de participantes fose menor. A pesar de que o pelotón foi máis reducido do previsto, os asistentes saíron a gozar da bicicleta, da auga e do monte nun día máis propio do inverno.
O programa transcorreu con normalidade, dando comezo ás 10:00 horas desde Bascuas, na parroquia de San Salvador. O Grupo completou un percorrido polos montes de Trasparga, San Salvador e Os Vilares, finalizando na Capela de Bascuas, onde D. Alfonso Blanco fixo de anfitrión e contou a historia do lugar, explicando varios detalles da capela.
O programa ‘BTTeando por Guitiriz’ continuará despois do verán, cando se realizarán un total de tres saídas máis nesta sétima edición. A seguinte, ‘O Lado Escuro’, está programada para o próximo 12 de outubro.
0 Comments
Leave A Comment