O Concello de Guitiriz ofrecerá os próximos días 7 e 8 de xullo un curso teórico–práctico de primeiros auxilios, destinado á veciñanza interesada en adquirir coñecementos básicos para actuar con seguridade e eficacia ante situacións de emerxencia.
O curso desenvolverase na Escola Habanera, en horario de 16:00 a 19:00 horas, e será impartido polo Dr. Javier Sánchez Rodríguez-Losada. O contido da formación será o mesmo en ambas sesións, polo que cada persoa inscrita deberá escoller unha única data de asistencia.
A través desta iniciativa, o Concello busca promover a capacitación cidadá en aspectos tan relevantes como o uso do desfibrilador, a reanimación cardiopulmonar (RCP), a actuación ante atragantamentos ou a correcta aplicación da posición lateral de seguridade en persoas adultas e menores.
A actividade contará cun aforo máximo de 15 persoas por sesión, e as persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición no departamento de Servizos Sociais do Concello, ou a través do 982 370 109 (ext. 1) ata completar as prazas dispoñibles.
Con esta formación, o Concello reafirma o seu compromiso coa prevención, a saúde e o benestar da veciñanza, apostando pola divulgación de ferramentas que poden resultar vitais en situacións cotiás.
0 Comments
Leave A Comment