A Escola Habanera do Concello de Guitiriz acolle unha exposición das obras realizadas polos alumnos e alumnas dos obradoiros municipais de cerámica e cestería. As diferentes pezas poderanse visitar de 10:00 a 13:30 horas no soto da Escola Habanera desde este martes, 1 de xullo, e ata o próximo venres, 4 de xullo.
Durante os últimos meses, os participantes traballaron, guiados por expertos artesáns, para aprender e perfeccionar as técnicas tradicionais destes oficios ancestrais. A exposición presentará unha variedade de pezas, desde delicadas figuras de cerámica ata complexos cestos tecidos, cada unha reflectindo a destreza e o esforzo dos seus creadores.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, destaca que “coidar dos oficios tradicionais como a cerámica e a cestería é tamén coidar da nosa memoria colectiva. Son técnicas que foron pasando de xeración en xeración e que nos falan de quen somos”. A rexedora tamén convida a toda a veciñanza a “achegarse a esta exposición e deixarse sorprender pola calidade e creatividade das pezas realizadas nos obradoiros municipais”.
A exposición non só é unha celebración do traballo dos estudantes, senón tamén unha invitación á comunidade para redescubrir e valorar estes oficios.
0 Comments
Leave A Comment