O Concello de Guitiriz abrirá este mércores, 10 de setembro, o prazo extraordinario para asignar as prazas restantes para participar durante o curso escolar 2025-2026 no ‘Guitiriz Concilia’, o servizo de conciliación municipal da vida laboral e familiar dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos de idade.
Na opción de ‘Concilia Tardes’, que se leva a cabo no CEIP Lagostelle, quedan por asignar 12 prazas. Por outra banda, no ‘Guitiriz Madrugador’ do Ceip Santo Estevo de Parga restan 3 prazas por asignar e no CEIP Lagostelle non queda ningunha pero admítense solicitudes para a lista de agarda.
O prazo para presentar as solicitudes estará aberto todo o curso, confirmando listas de agarda, e a admisión e conformación da lista será por rigorosa orde de chegada. Poden presentarse tanto presencialmente na casa do concello como a través da sede electrónica, en ambos casos a partir das 8:30 horas do mércores 10 de setembro.
Guitiriz Concilia
No ‘Guitiriz Madrugador’ búscase atender aos rapaces e rapazas antes da entrada na escola, mentres que no ‘Concilia Tardes’ a idea é cubrir o horario posterior ao colexio. O programa comezou hoxe, luns 8 de setembro, e estenderase e ata o 19 de xuño.
Todas as familias interesadas no curso terán que presentar a solicitude cumprimentada e asinada, ademais do xustificante de pago das taxas, que varían en función da modalidade escollida e que se poden consultar na páxina web municipal.
A rapazada poderá participar nas propostas de actividades que se levan a cabo, xogar nos diferentes recunchos que se ofrecen ou realizar as súas tarefas escolares e estudar, se así o desexan. Favoreceranse actividades e propostas relacionadas co xogo grupal e non competitivo, relacionadas coa igualdade e o respecto pola contorna e pola natureza.
0 Comments
Leave A Comment