A Escola Habanera do Concello de Guitiriz acollerá o vindeiro sábado, 27 de setembro, a partir das 11:00 horas, un obradoiro gratuíto sobre cosmética e limpeza ecolóxica, impartido por Biophilia Axencia Ambiental dentro do programa Ler Conta Moito.
Durante a sesión, as persoas participantes aprenderán a identificar e a coñecer os produtos que se empregan habitualmente na limpeza da casa e no coidado persoal, descubrindo de que están feitos e os seus efectos na saúde e no medio ambiente. Ademais, tamén se falará sobre as alternativas naturais que se poden atopar no mercado e como se poden facer na casa.
A actividade está dirixida a un público adulto e contará con prazas limitadas, polo que será necesaria inscrición previa. O prazo abrirá este xoves, 18 de setembro, e permanecerá aberto ata o mércores, 24 de setembro.
As inscricións poderán realizarse de maneira presencial na Casa Consistorial, en horario de 8:30 a 14:30 horas, ou a través da Sede Electrónica Municipal. Para máis información, as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 982 37 00 62.
0 Comments
Leave A Comment